Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (Cegasal) viuse na obriga de presentar un recurso contra o proceso de licitación do contrato de recollida de residuos no Concello de Sanxenxo, ante o incumprimento das obrigas recollidas na disposición adicional décimo novena da Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Dita disposición establece a obrigatoriedade de reservar os contratos públicos relativos á recollida, transporte e tratamento de residuos téxtiles e de mobles e útiles a empresas de inserción e centros especiais de emprego de iniciativa social. En concreto, a norma sinala que o 50% do importe de adxudicación destes contratos debe estar reservado a estas entidades, salvo que exista unha xustificación debidamente motivada no expediente, algo que non se cumpriu no caso de Sanxenxo.
Desde Cegasal traballan cada día para garantir que as obrigas legais de contratación pública, ademais de cumprirse, contribúan á promoción dunha economía máis xusta e inclusiva. Neste sentido, velan polos intereses dos seus asociados, defendendo o seu dereito a participar en igualdade de condicións en procesos de contratación pública que, como neste caso, afectan directamente ao seu ámbito de actuación.
A intervención de Cegasal neste caso resultou crucial para lograr que o Concello de Sanxenxo se comprometa a unha nova licitación que respectará as obrigas establecidas pola Lei 7/2022. Esta decisión supón un paso adiante no recoñecemento do papel esencial que desempeñan os centros especiais de emprego de iniciativa social e as empresas de inserción na xestión sostible dos residuos e na promoción da economía circular.
Deste xeito, a entidade reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, traballando por un mercado laboral inclusivo e sostible que cumpra coa normativa vixente e promova unha sociedade máis equitativa.